Datos personales

Mi foto
O Hío, Cangas, Spain

Breve historia dunha afeción

.... ¡Uf! Como e por onde empezar a contar e intentar transmitir e compartir unha afeción que se converteu en paixón e terminou sendo case unha obsesión: a de escoitar música, coñecer a vida dos músicos e intentar comprender e sentir o que estes transmiten ao tocar e cantar sobre as súas vivenzas ou crear cancións a partir de estas. Tamén coñecer o entorno social do que saen, que para ben ou para mal marca o seu futuro musical.
Creo que todo o exposto anteriormente, en maior ou menor medida, fai que nos sintamos identificados coa infinita  paleta de estilos, xéneros musicais e movementos socioculturais dos que xorden a gran maioría dos grupos.
Esta paixón, no que a min respecta, levoume a coleccionar discos en vinilo, soporte polo cal sinto devoción absoluta e incondicional, sen esquecerme dos marabillosos singles. Con este pequeno e precioso formato se iniciou todo no mundo do coleccionismo musical. Nestes soportes musicais hai moito traballo e unha forma de arte que merece todo o recoñecemento, xa non só aos músicos senón tamén aos artistas que crean as portadas e, en xeral, á xente que hai apoiando os músicos ou grupos en cuestión, todos eles necesarios na elaboración dun disco.
Volvendo a min, vou comentar un pouco como comecei con esta afeción. Supoño que como case todo o mundo que está neste pequeno universo (somos poucos pero máis do que parece).
Sendo cativo, subindo as escaleiras da casa da miña avoa, oín un ouvido que saía dun radiocasette. Ao entrar vin ao meu curmán Roberto (maior ca min) no salón, lendo e escoitando música. Pregunteille que grupo soaba  e díxome que Deep Purple, a cinta Made in Europe e a canción Burn que xa remataba: os Purple con Coverdale de vocalista.
Con nove anos descoñecía a palabra criterio e o seu significado, pero desde ese día acabáronse os xoguetes para min e cambieinos por casettes, unhas veces de gravar e outras orixinais.
Cando recibía unha nova casette, para min era un día de festa. Non puíden comprar vinilos ata os catorce anos. Cos meus pequenos aforros comprei tres discos. Nunca esquecerei esta compra: o Wheels of fire de Cream, o Electric ladyland de Jimi Hendrix e un doble recopilatorio de Humble Pie, e sen ter tocadiscos. Iso viu dous anos máis tarde, cando comecei a traballar. Así que os escoitei na casa duns amigos, Lino e Mario, dous irmáns cos que compartía gustos musicais e que dispuñan de equipo de música e discos que tiñan ou lles deixaban familia e amigos.
Desde entón ata agora, camiño dos corenta, a miña colección foi variando tanto en cantidade como en variedade de estilos, segundo as etapas da vida, ata chegar a saber cales son os meus gustos reais e ter un criterio máis ou menos coherente e definido, sabendo xa o que esta palabra significa.