Datos personales

Mi foto
O Hío, Cangas, Spain

1996-2000

Cando unha amizade entre un home e unha muller empeza a converterse en algo máis e ese algo máis non chega a nada, a ruptura é inevitable. O certo é que os homes somos máis vulnerables, xa que nos custa máis manter as relacións polo camiño da amizade e confundimos moitas cousas. Pola súa banda, as mulleres téñeno máis claro e son máis fortes neste aspecto.
Apunto isto porque cando empecei a pintar, a finais de 1996, pasaba por unha situación así, e foi, entre outras cousas, o detonante de sentir a necesidade de expresar o que sentía. Así que un bo día merquei  unas cartolinas e ceras e comecei a pintar. O meu primeiro traballo foi un corazón roto, reflexo do momento que estaba pasando.
Aínda que non é un bo traballo, si é especial. Continuei  facendo cousas sen dicirllo a ninguén, ata que un día lles mostrei  aos meus pais o que estaba a facer, e, para a miña sorpresa, gustoulles. Isto animoume a seguir.  O certo é que non tiña pensado parar, gustase ou non, pois non paraban de virme ideas á cabeza. Sentía e sinto que atopara un medio de liberar os sentimentos e emocións que percorren o corpo.
Tamén me decidín a ensinarlles os meus traballos aos meus amigos. Para entón xa cambiara as ceras por témperas, material que estiven usando ata o 2000 ou 2001. A eles tamén lles gustou, en especial a Isabel, Rita, Anxo e Chape, que foron os primeiros en velos. Non quero esquecerme de Bruno, un suízo amigo do meu pai. Todos eles animáronme a seguir. Teño que recoñecer que o meu primeiro pensamento foi que estaban tolos, pois son traballos estraños dun autodidacta peculiar.
Os traballos que fixen durante este tempo caracterízanse pola combinación espontánea das cores. Son abstractos na súa maioría, nos que non lle daba importancia á forma. Simplemente, cando empezaba a pintar, deixaba que a miña mente guiase as mans, sen preocuparme do resultado final. Isto cambiou hoxe en día. Boto un pouco  de menos esa maneira de traballar, pero non perdo a ilusión de seguir pintando.
Por último, dicir que no fondo de todo isto hai unha extensa banda sonora que vai dentro de cada traballo. A música é unha paixón que está comigo dende sempre. É un amor incondicional polo formato do vinilo. Estas afeccións van xuntas da man.
Escoito música para pintar ou pinto para escoitar música? (Chisco a High fidelity)
Suso